Saturday 18 de May de 2024

A AMTEGA convoca a preto de 400 persoas para a realización das probas de obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX)


Os exames presenciais celebraranse os días 25, 26 e 27 de novembro nas aulas CeMIT de 44 concellos de toda Galicia

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ven de publicar a lista definitiva das 370 persoas matriculadas para a realización das probas de avaliación para a obtención da certificación galega en competencias dixitais en ofimática (CODIX). Esta convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado 13 de outubro, está orientada a aquelas persoas que xa posúen os coñecementos necesarios das aplicacións informáticas que compoñen o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» baixo o paquete de LibreOffice

As persoas admitidas poden consultar na web do CeMIT (http://cemit.xunta.es) a súa data de exame asignada, centro e hora, así como as instrucións para a realización das probas. que se celebrarán os días 25, 26 e 27 de novembro nas aulas CeMIT dos seguintes 44 concellos: Ames, Betanzos, Boiro, Brión, A Coruña, Fisterra, Narón, Narón, Oroso, Ortigueira, Padrón, Pondeume, As Pontes, Porto do Son, Santa Comba e Santiago Compostela na provincia de A Coruña; Barreiros, Carballedo, A Fonsagrada, Ribadeo e Sarria na provincia de Lugo; O Barco, O Carballiño, Castrelo de Miño, Celanova, Manzaneda, Ourense, Verín e Xunqueira de Ambía na provincia de Ourense, e A Cañiza, Cuntis, A Estrada, A Guarda, Lalín, Marín, Moaña, Pontevedra, Tomiño, Valga, e Vigo na provincia de Pontevedra

Perfil das persoas a examinar
En canto ao perfil das persoas convocadas, a media de idade é de 35,7 anos; a maioría son mulleres, (258 mulleres e 112 homes); o 62% ten estudos superiores (126 licenciados-master e 80 diplomados-master); e o 90% dispón de ordenador e acceso a internet no seu fogar

Avaliación
Para obter o CODIX é preciso superar un exame de 50 preguntas tipo test referidas aos contidos do Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

• Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base
• Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress
• Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer.
• Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc

Os materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia e poden ser seguidos libremente na súa modalidade de autoformación dentro da plataforma de teleformación da rede CeMIT http://cemit.xunta.es/ema, na que se poden consultar tanto os contidos específicos dos diversos módulos que compeñen o CODIX como diversos casos prácticos e test de exemplo

Máis de 1.000 prazas no ano 2015
Con esta derradeira convocatoria do ano cúmprense as previsións recollidas no Plan de formación da rede CeMIT para este ano 2015 de realizar dous cursos de teleformación titorizados (publicados en febreiro e setembro) e outras dúas convocatorias de exames presenciais (en abril e outubro), ofertando en conxunto máis de 1300 prazas para a cidadanía en xeral e que terán a súa continuidade no vindeiro ano 2016.

A estes datos hai que engadir as mais de 300 actividades e cursos en ofimática en software libre que veñen realizando as diferentes aulas CeMIT de forma presencial durante este ano como preparación orientada á presentación para estas probas libres, así como os 1.700 accesos aos contidos específicos do CODIX aloxados na plataforma de teleformación a través de internet (http://cemit.xunta.es/ema)